Marín reúnese co sector turístico para presentar as liñas mestras do seu Plan de Turismo Sostible

Marín reúnese co sector turístico para presentar as liñas mestras do seu Plan de Turismo Sostible

15 setembro 2021

 A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada da concelleira de Turismo, Cristina Acuña, presidiu esta tarde no Museo Manuel Torres unha reunión con representantes do sector turístico do municipio para exporlles o Plan de Turismo Sostible que se presentará aos fondos dos Plans Turísticos de Sostibilidade en Destino (PSTD).

As liñas mestras que subxacen a todas as actuacións que se incluirán na estratexia  son  claras:  afianzar Marín  como  destino  de  escapada,  sostible e de calidade,  centrado  no  turismo  “slow”;  xerar  novos produtos  e  equipamentos turísticos e promover un crecemento turístico sostible e integrado no medio.

O obxectivo da reunión, según explicou a alcaldesa ás entidades presentes, “é o de poder achegarvos (ao sector) eses proxectos que consideramos esenciais e que redundarán nunha mellora para todos os actores que inflúen na pulsión turística do concello”.

Hostalaría, entidades deportivas, establecementos de pernoctación, restauración, ocio, cultura… Todas estas áreas estiveron representadas na Mesa de Participación, que serviu para intercambiar opinións respecto das actuacións englobadas na estratexia e dos obxectivos que se perseguen co impulso deste plan.

O Concello estima que a inversión a realizar será de 2 millóns de euros, polo que farán a proposta aos fondos con este montante, que, en caso de conseguilo, se iría executando cun horizonte temporal de 2022-2023.

Segundo adiantou a alcaldesa, “traballaremos para conseguir a financiación, xa que consideramos que somos un municipio con alto atractivo turístico no que aínda temos moitos proxectos que potenciar, que nos permitirán revalorizarnos como un foco de atracción no corazón das Rías Baixas”.

“Temos un espazo privilexiado que debemos aproveitar, explotando os nosos recursos desde un punto de vista sostible e planificado”, acabou a rexedora.

 

Anterior Cantodarea volverá celebrar as súas festas cun concerto da París de Noia

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados