Marín segue batendo récords nas cifras de reciclaxe

Marín segue batendo récords nas cifras de reciclaxe

8 outubro 2021

 A reciclaxe xa non é só unha normalidade na nosa vila, senón que a concienciación social da importancia de facer unha recollida selectiva dos refugallos entre a poboación permite a Marín rexistrar unhas cifras realmente boas, incluso por riba da media autonómica e estatal.

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, analizou esta semana os datos aportados por Ecoembes, que arroxan unha mellora na porcentaxe de practicamente todos os tipos de residuos. De xeito global, en Marín recíclanse 19,5 kilos de papel e cartón por cada habitante e por ano. No que respecta ao colector amarelo, esa cifra é de 20,2. E a porcentaxe de impropios (aqueles residuos que non están ben separados) apenas roza o 21%.

“Como xa levamos desde hai varios anos, estes datos son moi bos e a súa tendencia sempre é de mellora. Por iso, estamos moi contentos e satisfeitos polo bo comportamento que a veciñanza de Marín demostra neste sentido e seguiremos traballando para que a recollida selectiva siga sendo sinxela e fácil de realizar, con illas de colectores completas en case todo o municipio”, explicou a concelleira.

A comparativa dos datos desde o 2017 ata a actualidade é moi reveladora desta realidade. Por exemplo, en canto ao colector amarelo, aumentouse a recollida nun 3,11%, pasando de 475.820 kilos recollidos en 2017 a 490.610 no 2020. Neste senso, tal e como se indicaba antes, a reducción que se conseguiu da cifra de impropios é moi chamativa, xa que no 2017 rexistrábase un 41% de residuos mal reciclados, fronte ao 21% do 2020, polo que se reduciu á metade.

Se nos fixamos na recollida selectiva de papel e cartón, houbo un importante crecemento tamén no número de kilos recollidos. Pasouse de 189.400 kg en 2017 a 474.480 en 2020, é dicir, un 150% máis.

Para conseguir estes datos e mellorar a concienciación en torno á reciclaxe na sociedade, o Concello tamén aproveitou a nova licitación deste servizo no 2018 para renovar todos os colectores da vila.

Ademais, a facilitación deste servizo tamén se extendeu ao canal Horeca, de restauración e hostalaría, a través dun programa ao que se adheriron 80 establecementos, nos que se repartiron ata o momento 51 cubos (120 litros de capacidade) e 24 papeleiras (90 litros).

Anterior O Concello contrata a unha técnica de turismo para dar servizo aos visitantes a través da Oficina de Turismo

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados