O Concello coida do manto vexetal da Avenida de Ourense coa replantación de exemplares damnificados

04 xaneiro 2022

A humanización da Avenida de Ourense non só supuxo un cambio radical na mobilidade da principal arteria urbana da nosa vila, senón que tamén mudou a súa estética paisaxística, coa intervención de xardinaría que se acompañou ao proxecto de humanización.

Ao igual que o mobiliario público ten que coidarse, respectarse e manterse ao longo do tempo, o mesmo acontece cos xardíns municipais. E por iso, o Concello repasou nestes últimos tempos as necesidades do novo manto vexetal da Avenida, para afianzar o axardinado de cara á época da primavera e o verán.

Segundo explican fontes municipais, “a día de hoxe, tan importante é escoller as plantas que se colocan nun espazo urbano, no que hai moitos factores que impactan no seu crecemento e desenvolvemento, como as técnicas de mantemento e de coidado que se aplican unha vez o xardín toma vida nas rúas e prazas”.

No caso da Avenida de Ourense, prantexouse un axardinado con plantacións densas e frondosas, cun gran valor estético, sobre todo de folla perenne para aumentar o seu valor paisaxístico e que tivesen un crecemento medio, de tal xeito que se adaptasen a un terreo de cota baixa, que non pode colapsar co paso dos anos.

Pero ademais tamén foi importante escoller propostas que, segundo explica o Goberno local, “supuxeran uns labores de mantemento mínimos, de tal xeito que o coidado destes novos xardíns non supoñan maior custe nin dedicación”, para poder adaptarse aos recursos municipais.

De xeito concreto, estas foron as especies arbustivas utilizadas:

● Nandina doméstica: coñecida polos seus espectaculares frutos vermellos e a excelente cor da súa follaxe.
● Nandina Gulf Stream: frutos vermellos e cun follaxe tupido e compacto.
● Nandina Obssesed Seika: follaxe tupido e compacto.
● Nadina Lemon and Lime: cunha cor chamativa e follaxe compacto.
● Nandina Fire Power: chamativa polas atractivas follas perennes vermellas en primavera, verdes no verán e alaranxadas no outono.
● Leucothoe axilaris Curly red: chamativas follas rizadas perennes que van cambiando de cor. Flores blancas na primavera e baias vermellas.
● Leucothoe scarletta Zeblid: follas granates, verdes e púrpuras segundo a época do ano.
● Pennisetum Hameln: herba compacta, verde en verán con vistosas espigas, que en outono tornan amarelas.
● Myhlenbergia capillaris: herba con floracións elegantes e vaporosas de cor rosa de cara a finais de setembro.
● Carex Prairie Fire: herba con follas que van do verde ao laranxa.
● Ophiopogon japonicus: planta tapizante de atractivo follaxe verde.

En total, plantáronse 4.000 unidades destas plantas. Nesta labor de identificación de exemplares damnificados, o Concello explica que se detectou apenas un 3% delas que se secaron e que foi preciso repoñer. “O resto sufriron outros ataques externos, como o acceso de animais que orinan e cavan ou a sustracción de exemplares”.

Esta situación obrigou a replantar 332 plantas para poder encher eses ocos. Desde o Concello, apuntan á “irresponsabilidade” que supón non coidar os xardíns públicos “ao igual que coidamos o resto do mobiliario urbano. Deixar ás nosas mascotas desfacer os xardíns ou urinar neles ou coller exemplares é unha agresión que facemos á imaxe da nosa vila e afecta despois ás arcas públicas”.

Ademais desta tarefa de replantado, revisouse o rego e o resto de parterres para eliminar malas herbas; saneáronse os tres olivos dos parterres centrais e realizáronse tarefas de abono.

Un tipo de Pyrus calleryana resistente a todo e cunha gran gama cromática

No que respecta á plantación arbórea, elixiuse a variedade President do peral en flor, que ten unha forma máis columnar respecto doutras variedades. Esta especie é unha das máis escollidas para a naturalización dos espazos urbanos xa que ten abundante floración blanca na primavera, follas verdes no verán e amarelas-rosáceas no outono, polo que a gama cromática é moi chamativa.

Pero ademais ten unha capacidade de resistencia moi grande a determinadas condicións climatolóxicas e ambientais, como a salinidade, o vento, o frío, a calor ou a contaminación típica dos ambientes urbanos.

Co labor que se levou a cabo de mantemento do xardín, elimináronse os únicos 7 exemplares dos 80 que se plantaron inicialmente por terse secado. Ademais, revisouse a alineación dalgúns que se torceron polos temporais e adecentaranse os alcorques, para eliminar as malas herbas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies