O Concello impulsa un proxecto para coñecer e preservar as aplicacións ancestrais das plantas típicas do municipio

31 maio 2022

O Concello de Marín pon en marcha o proxecto “COÑECEMENTOS ANCESTRAIS SOBRE AS PLANTAS NO CONCELLO DE MARÍN”. O traballo pretende dar a coñecer os distintos nomes comúns e usos tradicionais que as veciñas e veciños do concello deron durante xeracións ás plantas da nosa contorna. Así o trasladaron esta mañá as concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña, que se reuniron con Gaspar Bernárdez, coordinador do proxecto.

O estudo, que pretende rescatar e consevar unha parte moi importante do noso patrimonio cultural inmaterial, enclávase no ámbito das disciplinas da Lingüística, a Botánica e a Etnografía; por tanto, de cada unha das plantas recolleranse os nomes comúns empregados pola poboación, a sinonimia coa que se coñece as plantas noutras zonas de Galicia e, de ser posible, a historia de cada termo.

O traballo recollerá o uso que de cada planta fan os agricultores, as amas de casa, os mariñeiros e, en xeral, a xente do ámbito rural, que se recollerá en enquisas e en estudos de carácter etnográfico ou descritivo das distintas parroquias marinenses; confrontándoos, cando os hai, cos datos doutras zonas galegas.

Así, sinalarase a súa utilización como forraxeira ou de pasto para o gando, o seu emprego na alimentación (na cociña tradicional); os seus usos agrícolas ou domésticos para confeccionar determinados instrumentos ou utensilios; o emprego como insecticida ou na medicina popular, indicando as partes da planta que son aproveitadas, a súa preparación e as enfermidades que presuntamente sandan; a súa aplicación no campo das crenzas (como preditiva ou anunciadora de bos ou malos agoiros, como afastadora do mal de ollo ou doutras enfermidades); etc.

O traballo será realizado polo propio Bernárdez (Doutor En Investigación Agraria e Forestal) e Uxía Garcés Ojea (Enxeñeira Técnico Agrícola), contando coa colaboración de Antonio Rigueiro Rodríguez (Catedrático de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela).

Todas as persoas interesadas en participar neste fermoso traballo poden facelo escribindo un mail á direción plantasdemarin@gmail.com ou chamando por teléfono ao número 986 88 03 00 (Alcaldía). Nas próximas datas serán convocadas reunións informativas e para recadar información nas Casas de Cultura das distintas parroquias do concello.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies