O Concello volve activar de xeito gratuito o servizo de control de pombas e gaivotas

30 maio 2022

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, informou esta mañá de que xa está de novo activo o servizo de control poboacional da gaivota patiamarela e da pomba común no casco urbano de Marín.

Será a empresa Ingidemont a que se encargue da xestión do servizo desde hoxe. Con respecto á gaivota, calquer veciño, veciña ou comunidade que queira solicitar de maneira gratuita a revisión do tellado, pode facelo chamando ao 620 00 28 64, en horario de luns a venres, de 08.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

Tal e como explican desde a empresa, os métodos que se utilizan para o control poboacional destas especies son incruentos e con métodos avalados pola lexislación medio ambiental. Deste xeito, cando van revisar un tellado, retíranse os niños e no caso de haber crías, lévanse ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre, ubicado en Cerdedo-Cotobade.

No que respecta ás pombas, a súa captura realízase a través de gaiolas, de grandes dimensións e con comedeiros e bebedoiros, que lles permiten aos exemplares capturados estar en correctas condicións vitais até que os operarios acuden na súa busca. As pombas son levadas despois a un núcleo zoolóxico autorizado, no que son examinadas para comprobar o seu estado de saúde e posteriormente son liberadas lonxe dos núcleos urbanos.

A empresa realizará esta semana un censo poboacional inicial de ambas especies por parte dun biólogo experto e despois, ao finalizar a tempada, realizarase outro censo para comprobar o cambio en ambos casos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies