O Concello volverá bonificar as taxas municipais aos locais que permanezan pechados polas restricións

O Concello volverá bonificar as taxas municipais aos locais que permanezan pechados polas restricións

26 xaneiro 2021

A alcaldesa María Ramallo analizou no Concello a situación económica que afronta a economía local, especialmente a hostalaría, que terá que pechar as súas portas e limitar a súa actividade á comida para levar e ao servizo a domicilio.

Ante esta coxuntura dun novo peche, necesario para frear a vaga de contaxios que asola a nosa vila e a toda a comunidade, o Concello reactiva desde mañá, cando entran en vigor as novas medidas, a bonificación daquelas taxas municipais derivadas da súa actividade: a taxa do lixo e a taxa de auga, no que respecta ao canon.

“Deste xeito, cando se pase ao cobro o primeiro trimestre do ano, bonificaremos aquelas semanas durante as que non sexa posible abrir a actividade” explicou a rexedora, que asegura que esta medida se manterá namentres duran as medidas, “por se se amplían máis alá das tres semanas anunciadas até o momento”.

Por outra banda, Ramallo recorda que a través da plataforma Marín en Rede, tanto nas redes sociais coma na web, reactivarase a Guía da Hostalaría Covid19, que permitirá a todos aqueles negocios que estean dados de alta actualizar os seus servizos de cara á cidadanía, que poderá consultar todos os locais que ofrecen comida para levar ou a domicilio nun só click

Outros afectados polas novas restricións

A maiores, desde o Concello aclarar que a Escola Municipal de Música tamén comezará a ofrecer as súas clases de xeito telemático desde mañá e até a fin das restricións.

Tamén na Finca de Briz, o Centro Terapéutico para as persoas con Alzheimer terá que pechar as súas portas polo menos ata o 18 de xaneiro.

Teletraballo a nivel municipal

No que respecta ao traballo dos funcionarios municipais, a alcaldesa explica que xa se leva nestas últimas semanas “adiantando esta situación, facilitando o teletraballo en todos os casos nos que é preciso”.

Esa posibilidade seguirá agora vixente e se coordinará coa creación de quendas que poidan permitir a boa prestación dos servizos municipais pero mantendo as medidas para evitar posibles contaxios.

O Concello lémbralle á cidadanía a necesidade de priorizar a atención telemática sempre que sexa posible, a través da sede electrónica. En caso de que non sexa posible, será de obrigado cumprimento a cita previa.

 

Anterior Marín recicla máis e mellor, cunha redución drástica da súa porcentaxe de impropios

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados