O Consello Municipal da Muller reúnese para sentar as bases do próximo 8 de marzo

O Consello Municipal da Muller reúnese para sentar as bases do próximo 8 de marzo

24 xaneiro 2022

O Consello Municipal da Muller reuníuse esta mañá no Salón de Plenos do Concello, co obxectivo de analizar cales serán as iniciativas que se levarán a cabo este ano en Marín para conmemorar o 8 de Marzo, Día da Muller.

Esta convocatoria foi presidida pola concelleira de Igualdade e Benestar Social, Marián Sanmartín, e contou coa presenza de representantes do CIM de Marín, do departamento de Servizos Sociais, dos grupos políticos da Corporación municipal e das asociacións de mulleres ou con vocalía de Marín.

Durante a reunión, intercambiáronse ideas de cara á elaboración da declaración institucional que se lerá no acto oficial dese día e xa se barallaron distintas proposta para escoller ao colectivo de mulleres que será homenaxeado.

Ademais, sinalouse que este 2022 cúmprense 8 anos da elaboración das viñetas reivindicativas que realiza o ilustrador Luís Davila e que serven, a través da arte e do humor, como canles de transmisión da realidade do colectivo ao que se lle adica cada ano esta xornada.

Por outra banda, Marián Sánchez, directora do CIM, lembrou que se está a desenvolver unha charla nos centros educativos de Marín sobre agresións e violencia sexual. Esta charla informativa, que deriva inicialmente da Secretaría Xeral de Igualdade, ía ser só dunha única sesión, “pero como vimos a gran importancia do tema e a demanda que había por parte da comunidade educativa, o Concello decidiu asumir o custe do resto de sesións para que así poida chegar a todo o alumnado de Secundaria do noso municipio ao longo do ano”, explicou Sánchez.

A actividade está impartida por María Angélica Mercado Torres, mestra en lingua estranxeira e especialista en políticas e estudos de xénero,con experiencia en coordinación de proxectos sociais. Na charla, abórdanse temas como os estereotipos, a cultura da violación, a violencia sexual no eido dixital e outras cuestións relacionadas coa violencia de xénero, dándolle ao alumnado ferramentas prácticas para a detección e a prevención da violencia sexual.

Ademais, desde o CIM lembran que a través da súa web (https://cimdemarin.es/) están activa unha formación en igualdade, cuxos temas versan sobre o concepto de Igualdade, a diferencia entre sexo e xénero, a división dos espazos e as novas masculinidades.

Con todas estas accións en marcha, “queremos mostrar que facemos práctico ese lema que acuñamos o 8M do ano pasado”, que dicía: “Marín, todos os días contra a violencia de xénero”.

Anterior Inminente inicio dos traballos para demoler o antigo Mercado de Cantodarea

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados