Marín afiánzase coma un destino turístico de calidade, cun 80% de novos visitantes

No mes de xullo foron cerca de 450 as persoas que fixeron uso dos servizos da Oficina de Turismo de Marín, a meirande parte deles, o 88%, procedentes doutras comunidades autónomas, o que nos indica a relevancia que ten o turismo nacional no noso concello. Pola súa parte, os galegos representan o 9% dos visitantes e os estranxeiros, o 3%.

Dentro do turismo nacional, as comunidades que máis nos visitan son Madrid, Castela e León e Andalucía, seguidas por Extremadura, País Vasco e Cataluña. En canto ao exterior, que foi un visitante máis residual, destacan as localizacións de Italia, Países Baixos e México.

O tipo de turista que adoita visitar a Oficina de Turismo son persoas adultas, de entre 35 e 60 anos (40%), que veñen tanto en parellas como con nenos. O seguinte grupo máis relevante é o dos maiores de 60 anos (28%), que soen vir en parellas atraídos polas temperaturas agradables das Rías Biaxas, a nosa contorna e a gastronomía.

En canto á distribución por sexo, contabilizáronse 207 mulleres fronte a 213 homes.

Estancias de máis de 7 días

Para analizar aos visitantes, é importante distinguir entre os turistas (aquelas persoas que pasan alomenos unha noite fóra da súa residencia habitual) e os excursionistas (que non pernoctan).
O 95% dos visitantes de Marín son turistas, é dicir, que polo menos se aloxaron unha noite na nosa vila. As dúas opcións de aloxamentos máis comúns foron os hoteis (37% dos enquisados) e os apartamentos turísticos (34%), seguidas das casas de familiares ou amigos e de xeito máis residual, a caravana e o turismo rural.

O tempo medio da estancia que soen pasar os turistas no noso municipio é de 7 a 15 días, e a primeira opción que os motiva para visitar a nosa vila é o ocio (79%), seguido dos eventos que ofrece Marín durante o verán (9%).

Un 80% de novos turistas

Un dos datos máis relevantes que se extrae do informe elaborado pola Oficina de Turismo é que o 80% dos enquisados non coñecían a nosa vila, polo que é a primera vez que a teñen en consideración como o seu destino para pasar as vacacións.

Segundo destaca o Goberno local, “isto é unha evidencia de que a nosa vila está a reforzarse coma un destino turístico de calidade, seguro, con grandes opcións de ocio e de cultura, que permite pasar unha tempada do ano agradable, con estancias medias e longas que redundan nunha importante inxección económica para a vila, beneficiando a todos os sectores, especialmente ao comercio e á hostalaría”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies