As carpas de Engado Marín abrirán o venres cun estrito protocolo de seguridade contra a Covid19

14 decembro 2021

O Nadal en Marín está a piques de inaugurar un dos seus clásicos que máis gustan aos máis pequerrechos da casa e á mocidade: as carpas Engado Marín, cheas de actividades para todas as idades coas que desfrutar durante os días de vacacións de Nadal.

A apertura das mesmas, que estarán instaladas na Alameda e no Parque Eguren, será o vernes 17. A da Alameda, destinada a público infantil, abrirá ás 17.00 horas e contará coa amenización do Coro da Escola Municipal marinense. Ás 17.30 horas, chegarán Os Bolechas á Alameda para encher Marín de dinamización infantil e media hora máis tarde, ás 18.00 horas, inaugurarase a carpa do Parque Eguren, pensada para rapaces e rapazas a partir de 12 anos.

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, avanzou que en ambos casos “haberá un estrito protocolo da Covid19 para poder garantir que estas actividades se desenvolvan con toda a seguridade”.

Protocolo común

 En ambas carpas, haberá unha toma de temperatura antes de entrar, estaciones de hixiene á entrada de cada instalación con xel hidroalcohólico, limpeza de mans e protocolo estrito para todos os monitores e máquina de renovación de aire e de ozono, así como sinalización con carteles nos que se poden ler todas as medidas.

Ademais, o uso das mascarilla será obrigatorio, excepto para os nenos de menos de seis anos que vaian á carpa infantil, para os que só estará recomendado. Asemade, desinfectarase o material de xeito frecuente e establecéronse aforos: 160 persoas para a carpa infantil e 200 para a do Parque Eguren.

No caso da Alameda, o acceso estará restrinxido aos nenos e nenas, sen que poidan entrar familias, precisamente para poder aproveitar o aforo dispoñible e ter os grupos organizados polo amplo equipo de monitoraxe que estará ao cargo da rapazada dentro da carpa.

As quendas serán de 11.30 a 12.20, de 12.30 a 13.20, de 17.00 a 17.50, de 18.00 a 18.50, de 19.00 a 19.50 e de 20.00 a 20.50; deixando 10 minutos entre quenda e quenda para desaloxar e desinfectar.

No caso do Parque Eguren, non haberá quendas estipuladas, pero poderán establecerse no caso de que o equipo de monitores e de organización o considere preciso para velar polo cumprimento do aforo en todo momento. O horario no caso desta carpa será de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas.

En ambos casos, as carpas estarán pechadas os días 25 e 1, e só abrirán pola tarde o 20, 21 e 22 de decembro.

Ludoteca e xogos hinchables para os pequenos, xogos de mesa e scape room para os maiores

A carpa da Alameda contará cunha ludoteca, hinchables de todo tipo, un espazo destinado a parque de aventura e un circuito de educación vial.

Pola súa parte, a carpa do Eguren terá scape room, simuladores 3D, un circuito de drons para probar o uso destas ferramentas, cinco mesas con xogos como o Jungle Speed, o parchís, as damas ou o Jenga, billares e futbolíns.

Máis actividades o venres: suspéndese o concerto da ENM

Ademais da apertura das carpas, ás 18.00 as ONGs volverán facer chocolatada solidaria na Alameda e haberá ás 19.00 concerto da Banda de Música Musimarín.

Sen embargo, tal e como informou a Escola Naval Militar, suspéndese o concerto da Banda, debido ás dificultades de facelo ampliamente no Multiusos dado o elevado número de participantes entre banda e coro.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies