A iniciativa gastronómica da Asociación Botón de Ancla desenvolverase entre os días 5 e 8 de xuño. As tapas valerán dous euros e haberá premios de xurado profesional e do público.
Marín, 30 maio 2025
A Alameda Rosalía de Castro acolleu esta mañá a presentación da V Ruta Marín Pincho a Pincho, unha iniciativa gastronómica promovida pola Asociación Botón de Ancla e que cada ano suma novos participantes.
Nesta edición, son 12 os establecementos que ofrecerán á veciñanza e ás persoas que nos visiten durante os días 5, 6, 7 e 8 de xuño, as súas mellores creacións culinarias, para que a súa tapa poida erixirse como a gañadora do concurso.
Todas as tapas terán un custe de 2 euros e poderán degustarse entre as 12.30 e as
15.30 horas e entre as 19.30 e 22.30 horas. O xurado estará conformado por profesionais do CIFP Carlos Oroza, que entregará tres premios, aos que se sumará un coa votación do público, a través dunhas tarxetiñas que atoparán nos locais participantes, onde poderán votar do 1 ao 5.
Esta é a lista de tapas que se presentarán ao certame:
Local | Nome da Tapa | Descrición |
---|---|---|
TAXI | Champimuro | Champiñón á prancha, recheo de revolto de ceboleta, allo e un toque de guindilla. Incorpóranse anaquiños de langostino e o seu zume concentrado, aromatizado con perexil fresco. Acompáñase cun anaco de pan ao forno, enriquecido con sal, fariña, viño branco e aceite de oliva. |
ROYALTY | Mejillón del Royalty | Deliciosa tosta ao allo cun recheo saboroso de mexillón e unha anchoa por riba para equilibrar o punto de salgado. |
CONSTRUMAR | Perlas de Meiga | Base de marmelada de pemento asado con dúas perlas: unha de salmón afumado rechea de burrata e outra de bacallau. No centro, ovas de caviar que achegan intensidade e, como toque final, coral de choco para sorprender coa súa textura. |
A CENTRAL | Central Marinero | Salmón suave e meloso combinado cun crocante de langostino que aporta textura e sabor. |
LA REAL | Realmente Bueno | Delicada brocheta elaborada con polbo e langostinos cocidos, pasada á prancha xusto antes de servirse. Acompáñase cunha cremosa salsa alioli caseira na base e coróase cunha tradicional allada por enriba, que lle achega carácter e intensidade. |
POLYMNIA | The secret too honey | Secreto ibérico caramelizado con mel, xenxibre e soia, aderezado con sementes de sésamo. Acompañado de patacas para completar o prato. |
LOS MANJARES DE CONCHITA | Lujuria | Filloa salgada enriquecida con caldo de peixe, rechea de polbo e gamba. Acompañada cunha cremosa salsa de gamba que realza os sabores mariñeiros. |
O CASINO | Perfecta Armonía | Escalibada feita ao forno con pemento vermello e verde, cebola, gambas salteadas con allo e perexil. A zamburiña vai lixeiramente sopreteada e todo está regado cunha salsa de pesto verde. Espolvoreado con queixo parmesano e cunha redución de vinagre de Módena por fóra. |
O LAR DE ROSA | Bocadito crujiente y romesco | Chipirón recheo de arroz negro envolto en papel de arroz e acompañado de salsa romesco. |
NÁUTICO DE AGUETE | Langostino a toda vela | Langostino tenro sobre unha cama crocante de galleta de framboesa, cun toque doce e afroitado. Unha combinación de sabores que fusiona o mar e a terra. |
CENTRO SOCIOCOMUNITARIO | Sabores del mundo | 1° bocado: Zamburiña á prancha sobre paté de marisco. 2° bocado: Bolebán recheo de paté de marisco e mexilón. 3° bocado: Revolto de gulas sobre crema de queixo en tosta mariñeira. |
MASK BY NIKY | Éche o que hai | Pan doce con queixo crema e aguacate, acompañado de salmón marinado en salsa teriyaki, rúcula fresca e sucedáneo de caviar. Rematado con sementes de sésamo para un toque crocante. |
Programación musical asociada á ruta e entrega de premios
Ademais das tapas, tamén haberá moita música estes días en Marín. O venres 6, ás 19.00 horas, pasarrúas co Grupo de Gaitas-Flok Carballido e ás 19.30 horas, concerto de Manuel Madarnás La MMARCA.
O sábado, o pasarrúas arrancará ás 12.00 horas coa Charanga Noroeste. E o domingo, haberá programación durante todo o día: ás 11.30 horas, pasarrúas ca Charanga Os Jalácticos; ás 12.00 horas, sesión vermouth na Alameda co Dúo BL Pop e Manuel Madarnás La MMARCA; ás 19.30 horas, actuación do Trío Azabache e ás 21.00 horas, entrega de premios aos locais gañadores da ruta para rematar co fin de festa.