Marín converterase este verán na capital europea da danza grazas ao festival internacional organizado polo Ballet de Galicia

Marín converterase este verán na capital europea da danza grazas ao festival internacional organizado polo Ballet de Galicia

14 maio 2021
Marín converterase na capital europea da danza entre o 1 e o 15 de agosto, un grandísimo evento cultural, artístico e formativo organizado polo centro integral de desenvolvemento do Ballet de Galicia, co apoio do Concello de Marín. O seu director, Diego Landín e o resto de responsables do proxecto presentaron xunto coa alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira, Itziar Álvarez, a apertura de inscricións e o contido deste festival, pioneiro e único en Galicia e España.

O evento contará con varias pezas que encaixan coma un puzzle nos obxectivos finais do programa: unha formación intensiva, cun proxecto coreográfico asociado; unha gala final ao aire libre e diversas masterclass ao longo dos quince días e un innovador workshop de fotografía de danza, apoiado en exposicións por todo Marín, “para pintar a nosa vila de danza”, en palabras de Landín.

O Ballet Summer Intensive será un curso intensivo de verán no que nenos e nenas procedentes de diferentes partes de Europa poderán vir a Marín para tomar clase coas primeiras figuras do mundo da danza clásica e contemporánea. Estas promesas da danza adestrarán 10 horas de luns a sábado, en clases que se repartirán entre as instalacións do SEI San Narciso, a actual sede do Ballet de Galicia e a que están a piques de abrir e os diferentes emprazamentos públicos do Concello, como a Finca de Briz. De xeito paralelo á formación de 15 día, ofertaranse masterclass para o alumnado con mestres “que a día de hoxe é complexo tomar clases con eles e que son estrelas de primeiro nivel”.

Para apoiar este labor de formación, coreógrafos de diferentes partes do mundo aterrarán tamén na nosa vila para traballar cos bailaríns en diferentes proxectos coreográficos, que nutrirán a programación da gala final do festival, que terá lugar o 15 de agosto aberta a todo o público. Os coreógrafos serán Filipe Portugal (Portugal), coreógrafo do Ballet de Zürich; Kirill Radev (Rusia), coreógrafo en KoRPo Dance Project; Brent Parolin (Canadá), coreógrafo da Ballet am Rhein, e Craig Davison (Australia), coreógrafo da Ballet Idaho.

As inscricións abriranse desde hoxe a través do email do Ballet de Galicia e haberá en total 60 prazas, divididas en 3 grupos con 20 alumnos e alumnas cada un, para a formación de danza. No caso do workshop de fotografía, haberá 24 prazas, 12 en cada semana. Poderán anotarse nenos e nenas a partir de 11 anos.
Os emails son balletdegalicia@gmail.com ou danzafestivalinternacional@gmail.com.

Unha gala ao aire libre e actuacións ao longo de 15 días
O día 15 de agosto terá lugar esa gala final, sempre tendo en conta as medidas sanitarias relacionadas coa Covid 19. De feito, en relación coa situación sanitaria, desde a organización explican que os participantes poderán acudir sempre co compromiso de ter unha PCR negativa de máximo 48 horas de antigüidade.
Ademais, ao longo deses 15 días, haberá diversas actuacións pola vila e unha pequena gala a final da primera semana que servirá de antesala ao gran evento do ecuador do mes. Tal e como explicou Diego Landín, “ademais de que os alumnos poderán poñer en práctica todo o que aprenderon no intensivo, convidaremos a outras agrupacións de bailaríns, como Et Susei Danza, que virán a este espectáculo”.
O obxectivo de Ballet de Galicia é poder realizar a gala nun enclave que permita utilizar a beleza propia da paisaxe de Marín como escenografía.

Un workshop de fotografía de danza con Carlos Quezada e exposicións
Outro dos pratos fortes do festival é un workshop de fotografía de danza, que estará dividido en dous bloques, a primeira semana para hispanohablantes e a segunda, que se realizará en inglés, para todas as demáis consultas participantes.

O fotógrafo mexicano Carlos Quezada, con fama internacional e embaixador de marcas como Nikon e Profoto. A organización deste workshop conta coa colaboración da tenda de fotografían máis grande de España, Kinafoto, e da marca de iluminación suiza Profoto, da que é embaixador o docente. A maiores, tanto o Museo Manuel Torres como noutros puntos da vila, haberá diferentes exposicións fotográficas.
As familias, tamén convidadas, e cumprimento de todas as medidas sanitarias

Unha das partes máis interesantes a nivel organizativo do evento será que o alumnado contará co seu hospedaxe no San Narciso, onde tamén poderán quedarse os familiares dos mesmos. Diego contou na rolda de prensa como isto incentiva a participación de grandes promesas da danza, independentemente da súa idade, “porque así as familias poden conciliar as vacacións con eles”.

“Facelo en verán, ademais, é unha garantía de que os rapaces estean centrados totalmente na súa formación, sen preocuparse por toda a parte académica que tamén teñen durante o curso académico”. Ademais, deste xeito, as familias poderán gozar da nosa vila, do turismo, das praias, da economía local e de toda a bonanza que desprende o noso municipio.

Anterior O aparcadoiro público gratuito fronte ao Centro de Saúde estará habilitado a partir da próxima semana

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados