Un Entroido diferente pero cheo de espírito e actividades en Marín

26 xaneiro 2022

As concelleiras Marián Sanmartín, Beatriz Rodríguez e Raquel López reuníronse esta mañá no Concello co Ateneo Santa Cecilia, Os da Caña e Pousos da Area para coordinar a celebración do Entroido dun xeito alternativo ao habitual, para poder conmemorar estas datas cumprindo coas medidas vixentes en materia sanitaria.

Tal e como explicaron as edís, “queremos contar en todo momento cos colectivos que forman parte da organización do noso Entroido, apoiando o seu labor incluso nun ano coma este, no que moitas das cousas que se levaban a cabo non se poden organizar do mesmo xeito ca outros anos”.

De xeito concreto, non haberá nin desfiles nin Enterro da Sardiña, pero o Concello si organizará unha festa infantil con animación a fin de semana grande do Entroido. O obxectivo é poder facelo na Alameda, igual ca o resto de actividades, aínda que coa posibilidade aberta de trasladalas ao Multiusos se a climatoloxía o esixe.

Para a organización desta festa, “contrataremos ás comparsas, batucadas e charangas de Marín, para que se encarguen de realizar unha animación acorde á época de Carnaval”. Pero non só iso, tamén se contará con elas para a decoración das rúas e prazas e para a organización de obradoiros para os cativos.

“Con todo isto”, explican desde o Concello, “buscamos manter vivo o espírito do Entroido, pero ademais poder dinamizar Marín durante eses días para que poida repercutir de xeito positivo no comercio e na hostalaría local”.

Por outra banda, Amigos dos Rapaces estudará adaptar a súa festa infantil, por se é posible realizala, pero xa confirma ao cen por cen a suspensión da Festa do Merengue, xa que pola súa propia natureza veríase comprometida a seguridade e o uso da mascarilla.

Ademais, o Ateneo Santa Cecilia organizará unha exposición na zona acristalada do Multiusos “e ofrecímoslle a posibilidade de que fagan o Concurso de orellas e filloas o martes no Multiusos”. No que respecta ao Enterro, aínda que non se fará, si se decorarán as rúas con lonas nas que se verán imaxes doutros anos, coma sempre, e a maiores o Palco de Música engalanarase para o Mércores de Cinza co velorio.

Finalmente, o domingo día 6 celebrarase a festa do Bolo do Pote e o Museo Torres terá unha exposició durante todos ese días sobre Entroido tradicional galego.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies